A cita organizada polo Concello da Pobra do Brollón celebra dende hai xa oito anos o inicio da estación outonal con propostas ligadas ás músicas de raíz galegas e unha programación totalmente de balde.
Este ano, o cartel está encabezado por tres formacións totalmente femininas: o dúo Caamaño&Ameixeiras – Premio Martín Códax da Música 2021 na categoría folk –; a agrupación Leilía – formación pioneira na música tradicional de Galicia –; e a consolidada agrupación Habelas Hainas.
“Traemos unha edición con tres propostas dun nivel impresionante,” comenta o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda. “O cartel é un mostrario do inmenso talento das mulleres músicas galegas e o seu afán de innovación e renovación, dende as pioneiras Leilía ata proxectos máis contemporáneos como Caamaño&Ameixeiras,” engade.
O sábado de festival, ademais dos tres concertos que se celebran á noite, haberá un vermú poético-musical, e pola tarde, obradoiro de baile tradicional con Montse Rivera de Leilía. Ao longo da tarde-noite, como é costume haberá barra e postos de artesanía e comida.
O domingo, como todos os 25 na Pobra do Brollón, hai feira con postos de polbo e Mercado Circular, unha nova iniciativa municipal para apoiar o consumo local e sostible. Como excepción, o mercado celebrarase na área recreativa Samugueiros, onde ao mediodía o público poderá gozar do espectáculo de circo de rúa ‘C’est pas possible’ da compañía Sempre Arriba.