Este domingo 11, ademais dos habituais postos e polbo da feira, temos unha nova edición do Mercado Circular na Praza da Peza (ao carón da Casa do Concello).
Nesta ocasión, haberá a maiores dos puntos de venda de produtos da terra e de segunda man, un posto diferente no que estarán os músicos Suso 40, Xosé Maceda e Pablo Camarero presentando o disco San Lourenzo, vén a nós. Os beneficios da venda do disco destínanse ao proxecto de arqueoloxía en comunidade do Castro de San Lourenzo en Cereixa.
O Mercado Circular é unha iniciativa que o Concello da Pobra do Brollón puxo en marcha este ano para apoiar a economía local, xusta e sostible. Celébrase coincidindo coas feiras da Pobra do Brollón, que son os días 11 e 25 de cada mes.
As persoas interesadas en poñer un posto no Mercado, deben contactar por chamada ou WhatsApp no teléfono 650 624 828.