Comezou o quinto campo de voluntariado no Castro de San Lourenzo

Comezou o quinto campo de voluntariado no Castro de San Lourenzo

04 August 2022/concello/Xeral

Comezou o campo de voluntariado no Castro de San Lourenzo na parroquia de Cereixa, A Pobra do Brollón. Dende este luns 1 e ata o 12 de agosto, os 11 voluntarios procedentes de diferentes puntos de España e México, apoiarán os labores arqueolóxicos e comunitarios.

Trátase do quinto campo de voluntariado que ten lugar no castro, financiado pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello da Pobra do Brollón. O campo prodúcese no marco do Proxecto San Lourenzo de arqueoloxía en comunidade. 

O grupo de voluntarios recibirán formación nos diferentes aspectos da actividade arqueolóxica e apoiarán a oitava campaña de escavacións que se desenvolve no castro, dirixida por Xurxo Ayán. Os participantes tamén colaborarán na organización da Romaría de San Lourenzo, que se celebra o día 10 de agosto no propio xacemento.

Ademais das tarefas no Castro de San Lourenzo, os voluntarios dedicarán parte do seu tempo na Pobra do Brollón a coñecer outros xacementos e elementos patrimoniais de Cereixa e do municipio.

“É un pracer volver acoller os voluntarios e voluntarias do campo na Pobra do Brollón,” comenta o tenente de alcalde, Ricardo Rodicio. “O campo de voluntariado é un xeito de apoiar e dar a coñecer todo o traballo de arqueoloxía en comunidade que se está a facer dende hai anos no municipio, do que o Proxecto San Lourenzo é punta de lanza e referente”.



RELACIONADO