Visitas guiadas e experiencias de viño esta Semana Santa na ribeira guímara

Visitas guiadas e experiencias de viño esta Semana Santa na ribeira guímara

07 April 2022/concello/Xeral

O Concello da Pobra do Brollón presenta o seu programa turístico para esta Semana Santa baixo o lema ‘Coñece a ribeira guímara, a Ribeira Sacra auténtica’. Do 11 ao 18 de abril, ofrécense dúas visitas guiadas a elixir, que se poden combinar con dúas ‘experiencias de viño’ en diferentes puntos da parroquia de Vilachá de Salvadur.

“Condensamos nestas visitas o traballo de moito tempo para poñer en valor os relatos dos propios veciños e veciñas, con proxectos como Adegas da Memoria, a nova ordenanza dos furanchos...” comenta o alcalde Xosé Lois Maceda. “A ribeira que queremos que coñezan os visitantes é unha ribeira auténtica e viva, non simplemente unha paisaxe de postal,” engade.

Visitas guiadas pola ribeira guímara

Dentro do programa de visitas guiadas, ofrécese unha ao xacemento arqueolóxico de Os Conventos, un lugar excepcional para entender a evolución histórica da paisaxe da Ribeira Sacra. Foi aquí, no marco do proxecto Adegas da Memoria, onde se realizou a primeira datación por Carbono-14 para saber con exactitude científica as orixes das terrazas vinícolas da ribeira.

A outra modalidade de visita é un ‘paseo entre pataos’, entre as viñas da ribeira do Eivedo, onde os visitantes poderán coñecer a viticultura tradicional, a historia da Ribeira Sacra, lendas da zona...

Experiencias de viño da man de veciños

As visitas son combinables con unha, ou dúas, ‘experiencias de viño’. Por un lado, a experiencia do Furancho O Currio, o primeiro e único furancho da Ribeira Sacra. Consiste nun paseo pola aldea de Trasmonte que acaba cun viño de Pedro na súa adega-furancho.

Por outro lado, a experiencia Val do Frade, unha adega que fai viños con Denominación de Orixe no propio conxunto de adegas tradicionais da Abelaira, en Vilachá. Xunto coa adegueira Puri, os visitantes poden dar un paseo polas adegas e adentrarse nunha delas para probar o viño.

As experiencias de viños teñen un custo de tres euros por persoa. As visitas guiadas son gratuítas. É preciso un mínimo de 5 persoas por visita. Para máis información e reservas, hai que contactar por chamada ou WhatsApp no teléfono 650 624 828.



RELACIONADO