ANTECEDENTES
O pasado 10 de xullo de 2020 asinouse un convenio oficial entre o Concello da Pobra do Brollón e Agader para a realización dun albergue.
Mediante este convenio, o Concello da Pobra do Brollón comprometíase á adquisición do solar e edificio a rehabilitar e Agader comprometía un orzamento de 182.137 euros destinados á rehabilitación do edificio e conversión en albergue.
Ante este documento oficial e asinado, o Concello adquiriu o edificio sito na Rúa da Condesa na Pobra do Brollón e encargou a realización do proxecto por un valor total de 35.000 euros.
CONFLITO
Con posterioridade a estes feitos, detectáronse irregularidades por parte de persoal de Agader na sinatura do convenio. A propia dirección de Agader abriu un procedemento interno para clarificar a xestión administrativa deste convenio e outros.
Este procedemento interno desembocou na comunicación á Fiscalía e consecuente denuncia no Xulgado Decano de Santiago de Compostela. O Concello da Pobra do Brollón comparece tamén como acusación neste proceso.
O convenio asinado queda sen efecto ata a resolución xudicial.
CONCLUSIÓN
O Concello da Pobra do Brollón é o gran damnificado destas irregularidades cometidas por outra entidade.
O Concello adquiriu un inmoble co amparo dun documento oficial asinado de que ese edificio sería rehabilitado con cargo a Agader. O proceso está á espera de clarificación dos procesos xudiciais, feito que se pode demorar varios anos.
Por todo isto, o Concello da Pobra do Brollón esixe a Agader unha solución sen maior demora para que ese edificio sexa finalmente rehabilitado e convertido en albergue. Todas as partes concordaban nas consecuencias positivas que este proxecto terá para o desenvolvemento turístico do municipio da Pobra do Brollón.