Esta mañá falamos sobre a situación epidemiolóxica da Pobra do Brollón con Ramón Ares, o xerente da área sanitaria de Monforte de Lemos, Lugo e A Mariña.
O noso municipio actualmente está no nivel de restrición máxima e vai continuar neste nivel a partir do venres.
“Mantéñense estas restricións porque nos datos analizados no comité clínico de onte, a situación epidemiolóxica aínda era superior aos 500 casos por 100.000 habitantes” declarou Ares. Concretamente, A Pobra do Brollón estaba en 613 casos por 100.000 habitantes.
“É certo que a evolución epidemiolóxica está sendo boa. O exemplo é que na última semana soamente hai un caso novo. E estamos esperando de que en función de que vaian vencendo os días e a partir do día 14 vaian desaparecendo os casos,” continúa o xerente.
“O próximo venres hai reunión outra vez do subcomité clínico para analizar a situación e esperemos que esta incidencia xa baixe dos 500 casos por 100.000 habitantes, que esteamos xa con menos casos”. Isto permitirá que poida baixar o nivel de restricións.
“O fundamental é insistir en que a evolución epidemiolóxica do concello é boa e esperemos en moi pouquiño tempo volver á normalidade” conclúe Ramón Ares.
Nos últimos datos recibidos hoxe do Centro de Saúde, no municipio da Pobra do Brollón hai actualmente 6 casos activos por Covid-19.
Consulta na páxina web do Sergas as medidas que implica o nivel de restrición alta.