Lanzamos ‘A todo bar!’ para incentivar o consumo na hostalería local

Lanzamos ‘A todo bar!’ para incentivar o consumo na hostalería local

10 July 2020/concello/Xeral

Xa está en marcha ‘A todo bar!’, unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón que consiste en sorteos de produtos locais para fomentar o consumo este verán nos bares e restaurantes do municipio.

“É evidente que a hostalería foi un dos sectores máis danados pola crise sanitaria. Esta iniciativa é un xeito de apoiar os hostaleiros do noso concello e de premiar aos veciños e visitantes por apostar polo consumo local’ comenta o alcalde Xosé Lois Maceda.

Xa se repartiron tarxetas para o sorteo nos oito locais abertos actualmente: na capitalidade da Pobra do Brollón, están O Pirata, Avenida, A Vella Taberna, Primeiro de Maio e o Chiringuito; a Cantina de Julia e A Salanova en Salcedo, e O Fogón en Cereixa.

O funcionamento é sinxelo. Por cada consumición de bebida máis tapa, o bar sela a tarxeta do consumidor, na que debe indicarse nome máis número de teléfono*. Unha vez obtido un selo por cada un dos oito bares, a tarxeta pode entregarse para participar no sorteo. 

Con esas tarxetas, o Concello realizará cada dúas semanas un sorteo de produtos locais. Os sorteos realizaranse en luns durante todo o verán. 

 

* PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679  RGPD e  LOPDGDD 3/2018.  CONCELLO DA POBRA  DO BROLLÓN, como responsable do tratamento, tratará os seus datos para xestionar a súa participación no sorteo. Pode poñerse en contacto co Delegado de Protección de Datos a través de delegadoprotecciondatos@concellodapobradobrollon.gal. Así mesmo, informámoslle de que poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que pode solicitar a través concello@concellodapobradobrollon.gal.



RELACIONADO