A partir do sábado 2 os maiores de 14 anos poderán saír para pasear e facer deporte

A partir do sábado 2 os maiores de 14 anos poderán saír para pasear e facer deporte

01 May 2020/concello/Xeral

Aquí imos resumir a orde publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado que regula as saídas para pasear e facer deporte para as persoas maiores de 14 anos, e que entra en vigor a partir de este sábado 2 de maio.

No noso concello, ao ter menos de 5000 habitantes, non hai franxas horarias, polo que se pode saír en calquera momento sen límite de tempo entre as 6:00 da mañá e as 23:00 horas. Iso si, só pode ser unha única vez ao día.

Para dar paseos, os maiores de 14 anos poden saír individualmente ou cun acompañante co que conviva para pasear nunha distancia dun quilómetro do domicilio. En caso de necesidade, tamén pode ser acompañada por unha persoa empregada de fogar a cargo ou persoa coidadora habitual.  

Para facer deporte, non hai límite de distancia, pero si ten que ser dentro do termo municipal. Está prohibido usar vehículos motorizados ou transporte público para desprazarse para facer deporte.

O deporte debe facerse de xeito individual, salvo por excepcións, cando por necesidade a persoa teña que saír acompañada. Nese caso, pode ser acompañada por unha persoa convivinte, unha persoa empregada de fogar a cargo ou persoa coidadora habitual.  

Tanto os paseos como o deporte deberán realizarse de xeito continuado, evitando paradas innecesarias. Pódese circular por calquera espazo de uso público, incluídos espazos naturais e zonas verdes autorizadas, pero non se pode acceder a instalacións deportivas pechadas. 

Hai que respectar en todo momento os límites de distancia interpersoal de ao menos 2 metros, e cumprir coas medidas de hixiene e prevención recomendadas. Non poderán saír as persoas diagnosticadas con COVID-19 ou con síntomas, ou que estean en corentena por ter contacto con algunha persoa contaxiada ou con síntomas.

Estas medidas aplícanse mentres dure o estado de alarma. A súa aplicación enténdese sen prexuízo das condicións dos desprazamentos infantís en vigor dende o domingo 26 de abril.

Consulta o texto completo da orde no BOE.



RELACIONADO