Comparece o alcalde para informar das medidas municipais fronte ao COVID-19

Comparece o alcalde para informar das medidas municipais fronte ao COVID-19

28 April 2020/concello/Xeral

Nun vídeo publicado hoxe nas redes sociais do Concello da Pobra do Brollón, o noso alcalde Xosé Lois Maceda comparece para poñernos ao día da situación actual do concello con respecto ao coronavirus e informar das medidas que se están a tomar.

O reparto de máscaras entre a poboación centra gran parte do vídeo. O alcalde comeza por explicar as razóns polas que se están a entregar máscaras ás persoas en grupos de maior exposición, “que están obrigadas neste momento a ter un contacto social importante”.

Declara que o reparto masivo de máscaras chegará “cando chegue a fase de desconfinamento e polo tanto cando sexa necesario o uso de máscaras por parte de todos os cidadáns”. Lembra que de momento as medidas máis eficaces actualmente para loitar fronte ao virus son as de distanciamento social e medidas de hixiene como o lavado de mans.

Maceda insiste en que o illamento é a mellor prevención para as persoas en grupos de risco – maiores de 65 anos ou con patoloxías previas. Recorda que no Concello hai un servizo de reparto a domicilio de alimentos e medicinas polo que “non teñen por que saír e expoñerse ao contaxio na rúa”.

Nesta liña, o alcalde tamén comenta no vídeo publicado hoxe que a maioría das máscaras que se reparten entre a poboación xeral serven para non contaxiar pero non protexen do contaxio á persoa que a leva.

Por outra banda, aos nenos e nenas que vivan no concello estase a repartir máscaras “porque posiblemente non sexan tan coidadosos en canto á distancia de seguridade” e tamén como unha estratexia pedagóxica para que se acostumen a levar máscaras e aprendan a usalas correctamente. 

Entre outras medidas en marcha que comenta o alcalde no vídeo, están a desinfección en lugares onde se concentran máis persoas, o reparto a domicilio de produtos de primeira necesidade e a difusión de campañas de prevención do coronavirus procedentes de fontes oficiais.

Maceda remata o vídeo agradecendo aos doantes de máscaras e ás voluntarias que se ofreceron para axudar na confección e montaxe das máscaras, así como a todos os veciños e veciñas pola responsabilidade que amosan no seguimento das medidas e normas que indican as autoridades.



RELACIONADO