O Son da Serra, Cando O Courel derramou bágoas de cinsa é un filme documental sobre a Serra do Courel e o incendio que padeceu no verán do 2022. Este incendio foi a presentación en Galicia dos incendios convectivos de sexta xeración. Durante dúas semanas arrasou case 13.000 hectáreas, principalmente nos concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Quiroga, obrigando a desprazar a máis dun milleiro de persoas no que era o maior incendio da historia de Galicia ata que chegou agosto do 2025.
O Son da Serra, que vén de recibir o Premio do Xurado á Mellor Película Galega (Longametraxes) na última edición da Semana do Cine de Lugo, chega á Pobra do Brollón o vindeiro venres 27 grazas á colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
As proxección será o venres 27 de novembro ás 20:00 h na Casa da Cultura ‘Olga Novo’. Tras a película, de unha hora e dez minutos de duración, haberá un coloquio guiado pola xornalista e directora do documental, Ana Belén Fernández, e coa participación do equipo e das persoas que portagonizan o filme.
O Son da Serra son as voces das persoas que nos levan polo vivido naqueles días e dalgún modo, as de todas as persoas que padeceron este desastre natural e vital. Son unha homenaxe a cada veciña e veciño da serra, unha reconciliación e unha posta en valor do que este territorio significa.
Entre as testemuñas do incendio do Courel do 2022 atopamos a veciñas e veciños, rexedores locais e unha representación do servizo de extinción de incendios da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que facilitou importantes imaxes deste incendio.
O documental é froito da colaboración do fotógrafo Emilio Romanos Castiñeira e Némesis Audiovisual coa dirección de Ana Belén Fernández Fernández e Paulino Rodríguez Fierro Cadórniga. A banda sonora é do salcedán Ale González.





