O pasado luns 19 de outubro, tivo lugar o acto no que se colocou a placa que bautiza co nome de Ricardo Rodicio unha das aulas da Escola municipal de Música da Pobra do Brollón.
Ricardo foi concelleiro de Cultura e tenente de alcalde da Pobra do Brollón dende 2011 ata 2025, ano no que tristemente faleceu de xeito prematuro. Amosou sempre unha disposición especial para o fomento e impulso da música tradicional galega e da Escola de Música Samoeiro, da que tamén foi alumno.
Como recoñecemento a este gran labor e compromiso, no Pleno municipal do 17 de outubro de 2025, aprobouse outorgar o seu nome a unha das aulas da Escola.
No emotivo acto celebrado o luns estiveron presentes familia, amizades, compañeiros do Concello e de clase. Comezou cunhas palabras do alcalde Xosé Lois Maceda, compañeiro e amigo de Rodicio, e rematou cunha peza de pandeireta, tocada e cantada por algúns alumnos da Escola pola que tanto traballou e que tanto desfrutou Ricardo Rodicio.

ç