O venres 11 e sábado 12 de setembro chega unha nova edición do festival de música folk de referencia no sur de Lugo, As Cores do Outono, organizado polo Concello da Pobra do Brollón co apoio da área de cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Este mediodía o alcalde Xosé Lois Maceda e os concelleiros Marián Martínez e Agapito Rodríguez, xuntos á deputada Iria Castro, presentaron o cartel no lugar de celebración do festival, a área recreativa de Samugueiros, revelando así os grupos desta duodécima edición: Balteira, Ialma e Galega de Bailables. O sábado serán os concertos e o venres, un espectáculo para todos os públicos da xograresa Alba de Vales.
'Un ano máis apostamos pola nosa música de raíz con propostas que beben da tradición oral galega,' comenta Martínez, concelleira de Cultura da Pobra do Brollón. 'Son tres concertos de moi alta calidade musical que han de encher de baile Samugueiros.'
A deputada Iria Castro tamén salientou de As Cores do Outono o apoio ao talento de alto nivel mediante a programación cultural e o compromiso por achegar ao público novas propostas de música tradicional galega.
Tradición daquí e dacolá
A formación que abrirá os concertos do sábado, Balteira, une a catro grandes mestres de música tradicional nun proxecto que recupera o repertorio oral galego, incorporando arranxos contemporáneos pero respectando a estrutura e a emoción das pezas tradicionais.
Os cantares que sempre animaron a festa e as melodías para o baile, son o eixo sobre o que xiran os seus concertos, mantendo o espírito da foliada desde a calidade técnica e interpretativa mediante voces, percusións, acordeón e ventos.
O segundo grupo a actuar en As Cores do Outono será Ialma, tamén cuarteto, formado por pandereteiras e cantareiras galego-belgas. Con motivo da celebración de 25 anos de carreira, que incluíron sete discos e concertos por todo o mundo, Ialma traerá o seu espectáculo Homenaxe. Trátase dun concerto emocionante e festivo que honra as raíces galegas, a memoria e a resistencia, impulsado pola enerxía multicultural de Bruxelas.
As propostas musicais rematan ao grande con Galega de Bailables, unha formación de sete virtuosos, a maioría deles con raíces na Pobra do Brollón. A base de voces, percusión, ventos e zanfona, darán un concerto cheo de enerxía con muiñeiras, xotas e outros ritmos pensados para poñer a todo Samugueiros en pé.
Os tres concertos serán o sábado 12 a partir das 21:00 horas. Na zona dos concertos, situada ao carón do río Saa na área recreativa Samugueiros, tamén haberá postos de artesanía e de comida, abertos dende as 20:00 horas.
Unha xograresa do século XXI
O programa desta duodécima edición de As Cores do Outono complétase cun espectáculo o venres 11 ás 20:30 horas na Casa da Cultura 'Olga Novo'. A actriz e xograresa ourensá Alba de Vales, nome artístico de Alba Grande, traerá á Pobra do Brollón unha proposta para todos os públicos, Unha xograría de aldea. Combinando teatro e música, indagará nas memorias aldeás e historias inspiradas nos romances de cego e contos e cantigas tradicionais.
Toda a programación é de entrada libre. Os detalles pódense consultar na páxina web (concellodapobradobrollon.gal) e redes sociais (Facebook @apobradobrollon e Instagram @guimaralia) do Concello da Pobra do Brollón.
