En cumprimento da Lei 3/2007, de 9 de abril, de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galicia, da Xunta de Galicia, o concello quere lembrar a toda a veciñanza a importancia de respectar as distancias das plantacións, manter o monte limpo e facernos responsables das nosas propiedades.
A mencionada Lei establece no seu artigo 22.1 que as persoas que resulten responsables como titulares/propietarios de solares ou parcelas situadas en solo urbano, urbanizable e núcleo rural, procederán á execución da xestión da biomasa, incluída de ser o caso, a retirada de especies arbóreas, antes de que remate o mes de maio de cada ano.
No suposto de incumprimento das obrigas citadas, cabe a posibilidade de execución subsidiaria por parte do Concello, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda e a imposición de multas coercitivas pola administración competente.
Os danos que se poidan ocasionar nos bens ou propiedades dos lindeiros no caso de verse afectadas por incendios forestais, será responsabilidade dos propietarios.
Para dar alarma de incendio forestal cómpre chamar o 085 (chamada gratuíta).