A veciñanza da Pobra do Brollón poderá desfrutar de transporte gratuíto para ver a obra teatral A burra, a mesa e o pau, o vindeiro 7 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela.
A obra trátase da primeira produción propia do Centro Dramático Galego da tempada 2024-25, dirixida por Lorena Conde e cun elenco de 15 intérpretes. En palabras da súa directora, o espectáculo é un “conto de fadas dunha familia obreira galega naqueles tempos nos que era máis doado crerlle os contos ás avoas que as promesas aos patróns”.
Grazas ao programa de mobilidade do CDG, ponse a disposición das veciñas e veciños da Pobra do Brollón un autobús gratuíto para ver a función do venres 7 de marzo ás 18:00 h, cunha entrada reducida de 5€.
O autobús sairá ás 14:45 horas dende o Avenida de Galicia (diante do antigo cuartel da Garda Civil) e sairá de volta dende Santiago ás 20:00 h.
É unha actividade dirixida a público adulto e as prazas están limitadas a 26. As reservas de praza fanse por orde de inscrición, que se debe realizar na Biblioteca municipal 'Antonio Reboiro', ben presencialmente ou por teléfono no 982 430 546.